luns, 2 de decembro de 2019

Un acto tan simple coma mercar pode matar o planeta

Hoxe en día vivimos nunha sociedade consumista. Isto quere dicir que a máxima satisfacción dunha persoa consiste nos obxectos que posúe; as grandes empresas sábeno e aprovéitanse diso.
Coma estas persoas consumistas sempre queren máis do que teñen, as multinacionais aproveitan isto e venden os seus produtos novos coma se fosen moitísimo mellores ca os anteriores, para que así as persoas estean mercando máis e máis produtos. É mais, ás veces no mundo da electrónica, incluso fan que os seus produtos teñan erros uns cantos meses despois de mercalo para que despois teñas que mercar outro novo.
Pero o verdadeiro problema non é que as empresas se aproveiten das nosas ganas de mercar ou que nós esteamos gastando todo o noso diñeiro, senón que todos estes produtos que estamos consumindo constantemente e sempre querendo máis implican que teñen que obterse máis materias primas para fabricalos. Esas materias non son infinitas e estamos empregando máis das que temos. Ademais, estes produtos están feitos con materiais químicos que producen uns gases nocivos que son lanzados á atmosfera e provocan moito dano no medio ambiente. E todo isto feito en todos os países en todo momento é unha das principais causas do cambio climático na terra.
Entón, quen pensaría que un acto que parece tan simple coma mercar un produto pode ter tal impacto medioambiental coa capacidade de matar o noso planeta? Porque só co feito de mercar menos o prescindible e seguir empregando estes produtos mentres funcionan, xa estaremos provocando que se fabriquen menos, entón empréganse menos materias primas e menos químicos, polo que tamén estariamos reducindo a nosa pegada no medio ambiente e incluso poderíamos parar o cambio climático.
Manuel Caamaño Mayo
4º ESO A

A filosofía de Descartes

A figura do gran pensador René Descartes supuxo un antes e un despois na historia do pensamento e da Filosofía en Occidente.

Nado en 1596, este filósofo, matemático e físico é considerado o pai da Filosofía moderna e a partir dos seus escritos fundaméntanse correntes como o racionalismo e o cartesianismo.
Dende moi novo amosou unha grande inquietude por coñecer, ao tempo que unha intelixencia fóra do común: preguntaba e preguntaba sen fin, pois todo coñecemento lle resultaba insuficiente.
Viviu durante os seus dous primeiros lustros de vida coa súa avoa e cunha enfermeira, pois súa nai morrera pouco despois de nacer el e seu pai ocupaba todo o seu tempo como conselleiro no Parlamento de Bretaña.
Durante oito anos estudou en La Flèche, (actualmente a 25 km de Le Mans) e alí recibiu unha sólida formación en termos científicos-clásicos.
Mais ao inquedo Descartes aquelas ensinanzas non lle resultaron satisfactorias, pois o que desexaba era renovar a Filosofía do seu tempo e a súa educación limitábase a tratar da escolástica (rama filosófica que explica os valores do cristianismo a través dos autores grecolatinos), corrente que os seus ensaios superarían uns anos despois.
Mentres que na escola lle ensinaban os valores que unían á fe e a razón, Descartes só usaría esta última para explicar o funcionamento do mundo.
Serviuse da dúbida como método para deixar atrás o obsoleto pensamento da filosofía patrística medieval, pois só na dúbida metódica para descubrir a verdade: a vontade dun mesmo é a única proba da verdade ou falsidade de calquera realidade que concibamos pola razón.
Descartes concluíu que a dúbida contén a certeza, pois recoñece que: «mentres quería pensar que todo era falso, era necesario que eu, quen o pensaba, fose algo» [Discours VI: 32].
Desta afirmación naceu unha nova idea: o eu é un concepto que nin sequera a dúbida pode descartar, polo tanto «podo dubidar de todo, pero non podo dubidar de que penso, e por tanto, existo». Este pensamento será o que se faga célebre baixo a fórmula: «penso, daquela existo».
A partir deste pensamento fundamental derívase toda a filosofía de Descartes e dos seus seguidores, que recibiu o nome de racionalismo, pois parte da primacía da Razón.
René Descartes tivo unha vida intensa: tratou a outros grandes pensadores do seu tempo, conferenciou por toda Europa e mesmo foi conselleiro da raíña de Suecia. Xustamente as longas e profundas conversas filosóficas que coa súa maxestade mantiña foron a causa do seu pasamento, pois acostumaban a parolar de amencida, cos fríos nórdicos a conxelalo todo, o que fixo que contraese unha pulmonía que acabou con el na corte de Estocolmo un 11 de febreiro do 1650.


domingo, 1 de decembro de 2019

Feministas célebres


O anterior luns 25 de novembro celébrase o día da eliminación do maltrato da muller, data que moito merece salientarse. Por iso mesmo hoxe quero darvos a coñecer dúas destacadas feministas que tiveron que buscar a maneira de promover as súas ideas en ámbitos que no pasado lideraban unicamente os homes.
Mary Wollstonecraft, por John Opey (1797)
A primeira destas personaxes é a británica Mary Wollstonecraft (1759-1797): filósofa, escritora e unha das maiores activistas feministas do seu tempo. Aínda que case todos a coñezan por ser a nai de Mary Shelley (a autora de Frankestein), levou unha vida moi intensa en comparación coa da súa filla. Isto explícase pola decidida defensa das súas posicións feministas en obras como: Reflexión sobre a educación das fillas (1787), Vindicación dos dereitos da Muller (1792) ou Maria (1798).
A Wollstonecraft debémoslle logros como o de poñer as bases do pensamento do feminismo moderno; facer unha revisión crítica dos maiores filósofos da súa época defendendo a igualdade de dereitos entre os sexos; loitar pola emancipación feminina (case todas as mulleres dependían no seu tempo economicamente dos maridos); promover a mesma educación para homes e mulleres; ou defender a idea do poliamor, entre outros.
Mary opinaba que os homes semellaban superiores debido a que non se lles daba a educación suficiente ás mulleres e por iso pensaba que se lles tiña que dar a elas tamén unha educación racional para poder contribuír á sociedade. Aínda que por sorte xa temos nos nosos días en moitos estados (non en todos) equidade educativa, aínda segue a ser necesaria esta loita para conseguir a súa universalidade.
A segunda muller da que quero ocuparme é Alexandra Kollontai, importante política comunista rusa e primeira muller no goberno dunha nación.
Alexandra Kollontai
Naceu en Ucraína, no ano 1872, e, xa de adolescente, mostrou grande interese por aprender. Estudou en Zurich, nun centro de ideoloxía socialista, e tras a súa formación afiliouse ao Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, co que participou no masacre de obreiros no Palacio de Inverno (1905), uniuse aos Bolcheviques e loitou pacificamente para que se detivese a I Guerra Mundial.
Tras a Revolución Rusa (1917), Kollontai foi moi activa na vida política do novo réxime comunista ruso, participando na Comisaría do Pobo para a Asistencia Pública e organizando o Primeiro Congreso de Mulleres Traballadoras, o Zhenotdel (nome do Departamento da Muller) e o Kommuniskta (a revista feminista da época). Grazas a isto, toda a lexislación referida ás mulleres cambiou completamente na URSS e déuselle o dereito ao voto ás mulleres, aprobouse o divorcio, balanceáronse os soldos recibidos polas mulleres (puideron percibir un salario equitativo en relación aos homes) e prohibíronse os matrimonios obrigados.
Grazas a estas dúas ilustres feministas e a moitas outras pensadoras e intelectuais hoxe a igualdade de dereitos é maior e o noso mundo é menos inxusto. Non debemos esquecer o exemplo e as ensinanzas destas grandes mulleres, só así seguiremos a camiñar cara á liberdade, sororidade, fraternidade e igualdade entre todos os seres humanos.
Miguel Requeixo
4º ESO C