O anterior luns 25 de novembro celébrase o día da eliminación do maltrato da muller, data que moito merece
salientarse. Por iso mesmo hoxe quero darvos a coñecer dúas destacadas
feministas que tiveron que buscar a maneira de promover as súas ideas en
ámbitos que no pasado lideraban unicamente os homes.
Mary Wollstonecraft, por John Opey (1797)
A primeira destas personaxes é a
británica Mary Wollstonecraft (1759-1797):
filósofa, escritora e unha das maiores activistas feministas do seu tempo. Aínda que case todos a coñezan por ser a
nai de Mary Shelley (a autora de Frankestein),
levou unha vida moi intensa en comparación coa da súa filla. Isto explícase
pola decidida defensa das súas posicións feministas en obras como: Reflexión sobre a educación das fillas (1787), Vindicación
dos dereitos da Muller (1792) ou Maria
(1798).
A Wollstonecraft debémoslle logros como o de poñer as bases do pensamento do feminismo moderno; facer
unha revisión crítica dos
maiores filósofos da súa época defendendo a igualdade de dereitos entre os sexos; loitar pola emancipación feminina (case todas as
mulleres dependían no seu tempo economicamente dos maridos); promover a mesma educación para homes e mulleres;
ou defender a idea do poliamor,
entre outros.
Mary opinaba que os homes semellaban
superiores debido a que non se lles daba a educación suficiente ás mulleres e
por iso pensaba que se lles tiña que dar a elas tamén unha educación racional
para poder contribuír á sociedade. Aínda que por sorte xa
temos nos nosos días en moitos estados (non en todos) equidade educativa, aínda segue a ser necesaria esta loita para
conseguir a súa universalidade.
A segunda muller da que quero ocuparme é
Alexandra Kollontai, importante política comunista rusa e primeira muller no goberno dunha nación.
Alexandra Kollontai
Naceu en Ucraína, no ano 1872, e, xa de
adolescente, mostrou grande interese por aprender. Estudou en Zurich, nun
centro de ideoloxía socialista, e tras a súa formación afiliouse ao Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso,
co que participou no masacre de
obreiros no Palacio de Inverno (1905), uniuse aos Bolcheviques e loitou pacificamente
para que se detivese a I Guerra Mundial.
Tras a Revolución Rusa (1917), Kollontai
foi moi activa na vida política do novo réxime comunista ruso, participando na
Comisaría do Pobo para a Asistencia Pública e organizando o Primeiro Congreso
de Mulleres Traballadoras, o Zhenotdel (nome do Departamento da Muller) e o
Kommuniskta (a revista feminista da época). Grazas a isto, toda a lexislación referida ás mulleres
cambiou completamente na URSS e déuselle o dereito ao voto ás mulleres, aprobouse o divorcio, balanceáronse os soldos recibidos polas mulleres (puideron
percibir un salario equitativo en relación aos homes) e prohibíronse os matrimonios obrigados.
Grazas a estas dúas ilustres feministas
e a moitas outras pensadoras e intelectuais hoxe a igualdade de dereitos é maior e o noso mundo é menos inxusto. Non debemos esquecer o
exemplo e as ensinanzas destas grandes mulleres, só así seguiremos a camiñar
cara á liberdade, sororidade, fraternidade
e igualdade entre todos os seres humanos.
Miguel Requeixo
4º ESO C
Ningún comentario:
Publicar un comentario