domingo, 25 de novembro de 2018

Ahed Tamini e o conflito Israel/Palestina


https://www.es.amnesty.org/actua/acciones/israel-ahed-tamimi-ene18/

Ahed Tamimi naceu o 31 de xullo do 2001, é unha adolescente palestina de 17 anos. Medrou nun ambiente de resistencia. É unha activista palestina, é dicir, participa activamente na propaganda do partido nacionalista e na sociedade palestina á que pertence. O seu pai, Bassem al-Tamimi, é tamén activista. Mentres, Israel táchaa de “provocadora” xa que a acusaron de doce cargos diferentes, entre eles, os de agresión agravada, obstaculizar a un soldado israelí do seu cumprimento do deber e incitación e lanzamento de pedras. O tribunal militar tivo en conta non só estes feitos senón tamén outros cinco enfrontamentos con soldados israelíes.
Ela asegura que quere ser avogada para “defender aos presos que loitan contra a ocupación”. A adolescente estivo oito meses no cárcere tras abofetear a un soldado israelí o 19 de decembro do 2017 (“unha bofetada que dou a volta ao mundo”), convertíndose así nun auténtico símbolo de resistencia do castigado pobo palestino.
O domingo 29 de xullo do 2018 saíu da prisión. Á saída do cárcere afirmou: “estou feliz, pero estarei máis feliz cando todas as mulleres palestinas sexan liberadas dos cárceres da ocupación israelí”. Algunhas outras das afirmacións que fai Tamimi son: “É unha gran responsabilidade falar en nome dun pobo que está baixo a ocupación e tamén sinto bastante temor porque son un obxectivo de Israel, poden volver a encadearme, perseguirme e incluso asasinarme”. “ A resistencia continuará ata que a ocupación remate”.
En definitiva, Israel e Palestina son dúas identidades enfrontadas: unha colonizadora, outra, resistente, respectivamente.
Na miña opinión este conflito, que xa dura máis de cincuenta anos, é un xenocidio claro hacia o Estado palestino. O pobo palestino só pretende recuperar a terra que o pobo israelí, coa axuda da ONU e as potencias mundiais, lles arrebataron. Creo que non interesa buscar unha solución ao problema, xa que Israel posúe unha riqueza, ten moito poder e interfire nas potencias mundiais.
Celtia Vieites 4º ESO B

sábado, 10 de novembro de 2018

Tres aniversarios e unha película


Na semana que agora remata vivimos tres aniversarios de feitos que estudaremos ao longo do curso: a Revolución de Outubro (1917), o Armisticio da Primeira Guerra Mundial (1918) e a Noite dos cristais rotos (1933).
Vladimir Serov, 1952
A Revolución de Outubro de 1917, que en realidade foi no mes de novembro, foi protagonizada polos bolxeviques, os comunistas rusos encabezados por Lenin. Foi a primeira revolución comunista triunfante e dela naceu a URSS (Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas). Sobre esta revolución que conmocionou o mundo tes unha entrada neste blog: Tintínno país dos sóviets.
A Revolución de Outubro supuxo a saída de Rusia da I Guerra Mundial, que rematou un ano despois. O 11 de novembro de 1918 entrou en vigor o armisticio que puxo fin ao conflito. É coñecido como o Armisticio de Compiègne, localidade onde se foi asinada a fin das hostilidades.
En xaneiro de 1933 Hitler subiu ao poder. Uns meses despois, do 9 ao 10 de novembro, os nazis fixeron unha demostración do trato que pensaban dar a poboación xudea. A Noite dos cristais rotos os seguidores de Hitler destrozaron os establementos comerciais rexidos por alemáns xudeos. Varias decenas deles foron asesinados. Foi o primeiro chanzo do que viría máis adiante: o Holocausto.
O Holocausto é un xenocidio, probablemente a expresión máis dramática do racismo. Pero hai moitas máis, mesmo en países democráticos como Estados Unidos. Sobre a segregación racial trata un filme que acaba de ser estrenado en Santiago: Infiltrado no KKKLan (Spike Lee, 2018).
O alumnado do curso pasado foi ver ao cine Numax outra película relacionada co tema da segregación racial: I am not your negro. Hai outra entrada neste blog sobre un dos protagonistas do filme: Megdar Evers.

sábado, 13 de outubro de 2018

12 de Outubro

Sabes por que o venres pasado, 12 de outubro, foi festivo?

En 1987, o 12 de Outubro foi declarado Festa Nacional de España porque simbolizaba “la efemérides histórica en la que España, a punto de concluir un proceso de construcción del Estado a partir de nuestra pluralidad cultural y política, y la integración de los Reinos de España en una misma Monarquía, inicia un período de proyección lingüística y cultural más allá de los límites europeos”. Esa “proyección lingüística y cultural más allá de los límites europeos” fai referencia ao 12 de outubro de 1492, cando Cristóbal Colón, chegou a América.
O 12 de Outubro, tamén coñecido como Día da Hispanidade, recibiu no seu momento o nombre de Día da Raza, denominación que aínda se utiliza en Colombia; en Chile chámase Día do Descubrimiento dos Dous Mundos, Día da Diversidade Cultural en Arxentina, Día da Resistencia Indíxena en Venezuela, etc.
O significado do 12 de Outubro varía: para unhas persoas é a data do descubrimento de América, para outras o encontro de dous mundos, para outras o comezo dun xenocidio.



luns, 1 de outubro de 2018

Ahed Tamimi

https://www.es.amnesty.org/actua/acciones/israel-ahed-tamimi-ene18/

Neste 2018 cúmplense 70 anos da creación do Estado de Israel. Nacía un estado. O pobo palestino quedaba sen el. Dende hai 70 anos, israelíes e palestinos están en guerra.
Ahed Tamimi, nada en 2001, fíxose famosa mundialmente por un vídeo na que aparecía abofeteando a un soldado israelí. Previamente, os soldados israelíes agrediran ao curmán de Ahed Tamimi.
Sobre esta activista palestina podes ler o que conta Amnistía Internacional, ONG dedicada á defensa dos dereitos humanos.
Ao longo de curso traballaremos sobre este conflito, do que podes atopar información na aula virtual (Carpeta "De cristais e muros").