xoves, 28 de setembro de 2017

Fútbol e política


A mediados do mes de setembro, as redes sociais e a prensa dixital deron conta dun vídeo producido por un importante equipo de fútbol alemán, o Borussia Dormund.

O vídeo, titulado Elfútbol y los nazis no combinan, está directamente relacionado cos resultados das eleccións alemás do 24 de setembro, nas que por primeira vez dende 1945, un partido de ultradereita, emparentado cos neonazis, entra no Bundestag, o Parlamento Alemán.
Ese partido chámase Alternativa para Alemaña. Maniféstase antiinmigración, especialmente se se trata de poboación de relixión musulmá. A fotografía seguinte utiliza unha realidade existente nalgunhas tradicións islamistas —o “burka”— enfrontándoa a unha tradición supostamente alemá. Utilízase o burka como modelo de forma conscente porque é algo rexeitado, mesmo prohibido, en moitos países occidentais. Non é difícil, por outra banda, afirmar que o uso da fotografía de dúas mulleres (alemás) en bikini é un exemplo de sexismo.

Propaganda electoral da Alternativa para Alemaña. Berlín, agosto de 2017

Pero volvamos ao vídeo. Vemos un campo de deporte no que un reducido grupo de persoas xogan ao fútbol baixo a dirección dun home. A súa estética é paramilitar, visten con roupas propias de grupos da ultradereita: cabezas rapadas (skinheads), cazadora bomber e botas militares. Esa estética lembra a dos neonazis, emparentados co movemento fascista alemá dos anos trinta do século XX. O “xefe” non dirixe, dá ordes; berra, non fala. De feito, cando ao final do vídeo ese xefe recibe un balonazo, a marca que lle queda na súa cara debuxa un bigote semellante ao do Führer, Adolf Hitler. Por outra banda, a bandeira que enarboran os protagonistas do vídeo, negra, branca e vermella, rememora as cores da do II Reich (1871-1918), recuperadas por Hitler para deseñar o estandarte do Imperio nazi (1933-1945). Non inclúe a esvástica porque os símbolos nazis están prohibidos en Alemaña dende o final da II Guerra Mundial.
O vídeo remata coa frase “Xuntos contra o racismo”. Non é difícil relacionar a política antiinmigratoria do partido Alternativa para Alemaña coa xenofobia. Xenofobia que en tempos do nazismo adoptou forma de antisemitismo, que está detrás do Holocausto, a morte de seis millóns de xudeos (e outros grupos étnicos, políticos, sociais, etc) nos campos de exterminio.

A manifestación política do Borussia Dortmund non é unha excepción dentro do deporte alemán. Carles Viñas e Natxo Parra veñen de publicar un libro sobre o St. Pauli, un equipo da segunda división do fútbol xermánico: ST Pauli. Otro fútbol esposible. Este libro presenta a ese club implicado en numerosas iniciativas sociais grazas ao que, a pesar do seu “escaso éxito deportivo”, conta cunha afición que sobrepasa os límites do barrio da cidade alemá de Hamburgo ao que pertence: existen máis de 500 "peñas" repartidas por todo o mundo.



En España son frecuentes os pronunciamentos do mundo deportivo en contra do racismo. Pero hai poucos días coñecimos a manifestación dun equipo de fútbol ante un acontecemento político doutro carácter. O 20 de setembro, o FC Barcelona,  que se di “més que un club”, publicou na súa web un comunicado no que dicía que, “fiel en su compromiso histórico con la defensa del país, de la democracia, de la libertad de expresión” se manifestaba partidario “del derecho a decidir”, en relación co referendo sobre a independencia de Cataluña.

Fontes:
-Comunicado del FC Barcelona, fcbarcelona.es, 20 de setembro de 2017.
-“El Borussia Dortmund se mofa de la ultraderecha: "Fútbol y nazis no encajan", 20minutos.es, 25 de setembro de 2017. http://m.20minutos.es/deportes/noticia/borussia-dortmund-mofa-ultraderecha-futbol-nazis-3143633/0/ (Descargado 29 de setembro de 2017).
-St. Pauli. Otro fútbol es posible, http://capitanswing.com/libros/st-pauli/. (Descargado 29 de setembro de 2017).




Ningún comentario:

Publicar un comentario