venres, 26 de xaneiro de 2018

Karl Marx de mozo (Raoul Peck, 2017)



O mundo non tería sido igual dende o século XIX sen a existencia de Karl Marx e Friedrich Engels, dous activistas políticos e pensadores. Da súa obra escrita e da súa actividade nace unha corrente político-filosófica, o marxismo, que inspira a moitos movementos anticapitalistas. Témola estudado na clase e aparece nas páxinas 70-71 (versión antiga) e 84-85 (versión moderna) do teu libro de texto.
Raoul Peck é un cineasta haitiano que xa coñeces porque vimos o seu filme I am not your negro (podes visitar tamén a entrada Megdar Evers e Bob Dylan).
En Karl Marx de moxo (Le jeune Karl Marx, no seu título orixinal), Raoul Peck presenta a actividade dos dous revolucionarios de orixe alemá entre 1844 e 1848, data da publicación de O manifesto comunista. O filme está protogonizado por August Diehl, Stefan Konarske, Vicky Krieps, Olivier Gourmet, Hannah Steele, Eric Godon, Rolf Kanies e Stephen Hogan, entre outras persoas.
Anímate a ver o tráiler de Karl Marx de mozo .

luns, 22 de xaneiro de 2018

Cuarta revolución industrial: GAFA


Falamos de cuarta revolución industrial. Falamos dun novo capitalismo no que xurden empresas dun tipo distinto ás características do capitalismo industrial, do capitalismo fordista.
Referímonos a Google, Facebook, Amazon e Apple, agrupadas no acrónimo GAFA. Son empresas transnacionais nas que a tecnoloxía informática é fundamental. En moitas delas, a información é a súa principal mercadoría. O seu volumen de negocio é, por outra banda, maior que o PIB de moitos países.
Bótalle unha ollada a estes artigos:
-María Cuesta: “Google, Facebook, Amazon y Apple tienen el poder absoluto en la información digital”, abc.es, 26.11.2017 (http://www.abc.es/economia/abci-google-facebook-amazon-y-apple-tienen-poder-absoluto-informacion-digital-201711260206_noticia.html).
-Cristina Galindo: “Cuando las empresas son más poderosas que los países”, elpais.com, 5.11.2017

sábado, 23 de decembro de 2017

Cambio climático




Adriana, Ana, Áurea e Laura fixeron unha presentación (prezi) sobre o cambio climático, problema relacionado co tema das revolucións industriais. Esta é a ligazón que vos permite visualizar o seu traballo:

https://prezi.com/view/ZjFg2Tw7QQREtCkcMO7x/

Parabéns.

martes, 12 de decembro de 2017

A Revolución soviética en banda deseñada: Tintín no país dos sóviets


No pasado mes de novembro conmemorouse o centenario da “Revolución de Outubro”, a Revolución Bolxevique ou Revolución Soviética. Non se trata dun erro cronolóxico: na Rusia de 1917 o calendario vixente era o xuliano, non o gregoriano que existía en Occidente: había 13 días de diferencia. É dicir, o 27 de outubro segundo o calendario xuliano correspondía ao 7 de novembro no gregoriano.
Independentemente deste detalle, Outubro (Novembro) de 1917 representa a primeira revolución comunista triunfante. Foi un feito que conmocionou ao mundo e produciu moitas reaccións, unhas a favor e outras en contra. Escribíronse multitude de libros.
O mundo da banda deseñada tamén se fixo eco da Revolución de Outubro. O debuxante belga Hergé, daquela descoñecido, publicou o seu primeiro álbum precisamente sobre este acontecemento: Tintín no país dos sóviets.
Trátase dun cómic profundamente anticomunista porque está baseado nun dos libros editados nos anos 20 do século pasado contrarios á revolución:

Á marxe das súas opinións políticas, Hergé documentaba con moito detalle todos os seus debuxos, que partían de modelos reais.

Tes un exemplar de Tintín no país dos sóviets na Biblioteca do Instituto.
Se queres saber máis sobre Tintín, visita a súa páxina oficial: http://es.tintin.com/

Un interesante libro para coñecer a relación entre a banda deseñada de Hergé e a realidade é: Michael Farr (2002): Tintín. El sueño y la realidad. La historia de la creación de las aventuras de Tintín, Barcelona, Editorial Zendrera Zariquiey.

venres, 24 de novembro de 2017

Un de cada catro mozos considera normal a violencia nas relacións de parella


En 1999, a Organización de Nacións Unidas (ONU) instituíu o 25 de novembro como “DíaInternacional da eliminación da Violencia contra a Muller, que coñecemos como “Día contra a Violencia de Xénero”.
Foi escollido o 25 de novembro en lembranza de tres mulleres dominicanas, as irmás Mirabal, activistas políticas asesinadas en 1960 pola ditadura de Rafael Trujillo (1930-1961).
No que vai de ano, 44 mulleres foron asesinadas en España, foron asesinadas por ser mulleres, son vítimas da violencia de xénero. Neste 2017, o Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Mulle coincide cun xuízo no que cinco homes, que se autodenominan “La Manada”, están acusados de violar a unha moza de 18 anos durante as Festas de San Fermín no ano 2016. O avogado dos presuntos violadores presentou —e posteriormente retirou— como proba para defender aos seus clientes un informe que pretendía probar que a vítima non sufre ningún trauma porque dende que foi violada fai vida normal, mesmo sae de festa. A noticia deste informe provocou que a xornalista Beatriz Serrano Molina colgase nas redes sociais unha campaña titulada ¿Cómo se supone que debe comportase una víctima de violación? baseada un vídeo que poder ver se pinchas aquí.
Tamén nestes días coñecemos un informe da Fundación de Axuda contra a Drogadición que afirma que un de cada catro mozos considera normal aviolencia nas relacións de parella. Non é a primeira vez que saen á luz este tipo de datos. Hai seis anos, outro informe relacionaba importantes sectores da mocidade con actitudes machistas (http://hoxe.webnode.es/news/a25-de-novembro-contra-a-violencia-de-xenero/).
O IES doMilladoiro tamén se fai eco desta tremenda realidade.
Se queres ver que fixeron alumnas doutros cursos, pincha aquí:
Para saber máis:



venres, 17 de novembro de 2017

Megdar Evers e Bob Dylan

Megdar Evers

Probablemente, Medgar Evers (1925-1963) é para nós o menos coñecido dos tres líderes negros do movemento polos dereitos civís dos que fala o documental I am not your negro. Pero non por menos coñecido é menos importante.
Membro da National Association for the Advancement of Colored People (NAACP), pelexou contra a discriminación da poboación negra na educación, entre outras causas relacionadas co movemento dos dereitos civís. Por esta razón foi asesinado.
O asesinato de Megdar Evers provocou unha onda de indignación A súa morte foi unha das causas da inmensa manifestación que se celebrou o 28 de agosto de 1963 no National Mall de Washington, onde Martin Luther King pronunciou o seu famoso discurso I Have a Dream.
Capa do disco The Times They Are A-Changin 

Nesa manifestación, Bob Dylan (moitos anos despois Premio Nobel de Literatura) interpretou unha canción escrita en memoria de Megdar Evers, Only a pawn in their game, incluída no seu álbum The Times They Are A-Changin. Dylan aparece en I am not your negro interpretando con Joan Baez o tema dedicado a Evers.