mércores, 21 de febreiro de 2018

Forges (1942-2018)



Hai unhas horas morreu Forges, “genial dibujante de mediosiglo de historia de España”, cuxo verdadeiro nome era Antonio Fraguas de Pablo. El Pais, xornal que dende hai moitos anos incluía case a diario unha viñeta de Forges, publica unha antoloxía dos seus traballos.
Entre a súa inmensa obra, pódese destacar unha historia de España en banda deseñada: Historia de aquí. Recoméndoche vistitar a web persoal de Forges.


Apocalipse. A batalla de Verdún



A noite do venres 23 ao sábado 24 (00:20), o programa Documaster de La 2 de TVE emitirá Apocalipsis.La batalla de Verdún.
Trátase dunha miniserie de orixe francesa de dous capítulos sobre unha das batallas máis representativas da I Guerra Mundial: Verdún. Os directores de Apocalipsis. La batalla de Verdún, Isabelle Clarke e Daniel Costella, empregaron máis de 500 horas de arquivos cinematográficos para realizar este documental de 90 minutos de duración, no que moitas escenas están coloreadas. Apocalipsis. La batalla de Verdún conta a vida nas trincheiras, pero tamén a vida cotiá das persoas civís, empregando testemuñas protagonistas.
Probablemente, Apocalipsis. La batalla de Verdún, que foi emitida xa por TVE, poderá verse outra vez, soamente durante uns días, na web de Documaster.

venres, 26 de xaneiro de 2018

Karl Marx de mozo (Raoul Peck, 2017)



O mundo non tería sido igual dende o século XIX sen a existencia de Karl Marx e Friedrich Engels, dous activistas políticos e pensadores. Da súa obra escrita e da súa actividade nace unha corrente político-filosófica, o marxismo, que inspira a moitos movementos anticapitalistas. Témola estudado na clase e aparece nas páxinas 70-71 (versión antiga) e 84-85 (versión moderna) do teu libro de texto.
Raoul Peck é un cineasta haitiano que xa coñeces porque vimos o seu filme I am not your negro (podes visitar tamén a entrada Megdar Evers e Bob Dylan).
En Karl Marx de moxo (Le jeune Karl Marx, no seu título orixinal), Raoul Peck presenta a actividade dos dous revolucionarios de orixe alemá entre 1844 e 1848, data da publicación de O manifesto comunista. O filme está protogonizado por August Diehl, Stefan Konarske, Vicky Krieps, Olivier Gourmet, Hannah Steele, Eric Godon, Rolf Kanies e Stephen Hogan, entre outras persoas.
Anímate a ver o tráiler de Karl Marx de mozo .

luns, 22 de xaneiro de 2018

Cuarta revolución industrial: GAFA


Falamos de cuarta revolución industrial. Falamos dun novo capitalismo no que xurden empresas dun tipo distinto ás características do capitalismo industrial, do capitalismo fordista.
Referímonos a Google, Facebook, Amazon e Apple, agrupadas no acrónimo GAFA. Son empresas transnacionais nas que a tecnoloxía informática é fundamental. En moitas delas, a información é a súa principal mercadoría. O seu volumen de negocio é, por outra banda, maior que o PIB de moitos países.
Bótalle unha ollada a estes artigos:
-María Cuesta: “Google, Facebook, Amazon y Apple tienen el poder absoluto en la información digital”, abc.es, 26.11.2017 (http://www.abc.es/economia/abci-google-facebook-amazon-y-apple-tienen-poder-absoluto-informacion-digital-201711260206_noticia.html).
-Cristina Galindo: “Cuando las empresas son más poderosas que los países”, elpais.com, 5.11.2017

sábado, 23 de decembro de 2017

Cambio climático




Adriana, Ana, Áurea e Laura fixeron unha presentación (prezi) sobre o cambio climático, problema relacionado co tema das revolucións industriais. Esta é a ligazón que vos permite visualizar o seu traballo:

https://prezi.com/view/ZjFg2Tw7QQREtCkcMO7x/

Parabéns.

martes, 12 de decembro de 2017

A Revolución soviética en banda deseñada: Tintín no país dos sóviets


No pasado mes de novembro conmemorouse o centenario da “Revolución de Outubro”, a Revolución Bolxevique ou Revolución Soviética. Non se trata dun erro cronolóxico: na Rusia de 1917 o calendario vixente era o xuliano, non o gregoriano que existía en Occidente: había 13 días de diferencia. É dicir, o 27 de outubro segundo o calendario xuliano correspondía ao 7 de novembro no gregoriano.
Independentemente deste detalle, Outubro (Novembro) de 1917 representa a primeira revolución comunista triunfante. Foi un feito que conmocionou ao mundo e produciu moitas reaccións, unhas a favor e outras en contra. Escribíronse multitude de libros.
O mundo da banda deseñada tamén se fixo eco da Revolución de Outubro. O debuxante belga Hergé, daquela descoñecido, publicou o seu primeiro álbum precisamente sobre este acontecemento: Tintín no país dos sóviets.
Trátase dun cómic profundamente anticomunista porque está baseado nun dos libros editados nos anos 20 do século pasado contrarios á revolución:

Á marxe das súas opinións políticas, Hergé documentaba con moito detalle todos os seus debuxos, que partían de modelos reais.

Tes un exemplar de Tintín no país dos sóviets na Biblioteca do Instituto.
Se queres saber máis sobre Tintín, visita a súa páxina oficial: http://es.tintin.com/

Un interesante libro para coñecer a relación entre a banda deseñada de Hergé e a realidade é: Michael Farr (2002): Tintín. El sueño y la realidad. La historia de la creación de las aventuras de Tintín, Barcelona, Editorial Zendrera Zariquiey.