luns, 11 de maio de 2020

8 de maio de 1945: derrota da Alemaña nazi

O mariscal de campo Wilhelm Keitel asina a rendición do III Reich

O 8 de maio de 1945 rematou a II Guerra Mundial en Europa: o III Reich, derrotado nun conflito do que era responsable, rendiuse.
Aínda que de forma distinta á que estaba prevista por mor da pandemia, este ano tamén se conmemorou o que en Alemaña se coñece como Día da Liberación. Os medios de comunicación e as redes sociais fixéronse eco do acontecemento.
Unha das facetas da II Guerra Mundial, da que soamente nos últimos anos se empezou a falar, foi da utilización da violencia sexual contra as mulleres como “arma” de guerra. Desgraciadamente, nin foi a primeira vez nin foi a última vez na Historia na que se empregou esta “arma”. Sobre este tema podes ler, por exemplo, un artigo de Jackeline Fernández, datado en 2017: “La violencia sexual contra mujeres y niñas: arma de guerra y tortura.

martes, 5 de maio de 2020

Mauthausen

A foto que encabeza esta entrada data do 5 de abril de 1945. Hoxe cúmprense, xa que logo, 75 anos da liberación de Mauthausen, campo de concentración nazi no que estiveron internados moitos republicanos españois (a pancarta da entrada ao campo é moi significativa). Derrotados na Guerra Civil, moitos morreron. Todos (e todas, porque houbo mulleres noutros campos) foron rexeitados pola ditadura franquista, que non soamente se desentendeu deles, senón que facilitou o seu exterminio. Así queda de manifesto no libro Los últimos españoles de Mauthausen (Barcelona, Ediciones B, 2015), do xornalista Carlos Hernández, que ven de publicar un interesante artigo sobre esta cuestión (Las pruebas de la responsabilidad franquista en la deportación de españoles a campos nazis, a 75 años de su liberación”).