Nado en 1596, este filósofo,
matemático e físico é considerado o pai da Filosofía moderna e a partir dos
seus escritos fundaméntanse correntes como o racionalismo e o cartesianismo.
Dende moi novo amosou unha grande
inquietude por coñecer, ao tempo que unha intelixencia fóra do común:
preguntaba e preguntaba sen fin, pois todo coñecemento lle resultaba
insuficiente.
Viviu durante os seus dous
primeiros lustros de vida coa súa avoa e cunha enfermeira, pois súa nai morrera
pouco despois de nacer el e seu pai ocupaba todo o seu tempo como conselleiro
no Parlamento de Bretaña.
Durante oito anos estudou en La
Flèche, (actualmente a 25 km de Le Mans) e alí recibiu unha sólida formación en
termos científicos-clásicos.
Mais ao inquedo Descartes aquelas
ensinanzas non lle resultaron satisfactorias, pois o que desexaba era renovar a
Filosofía do seu tempo e a súa educación limitábase a tratar da escolástica
(rama filosófica que explica os valores do cristianismo a través dos autores
grecolatinos), corrente que os seus ensaios superarían uns anos despois.
Mentres que na escola lle
ensinaban os valores que unían á fe e a razón, Descartes só usaría esta última
para explicar o funcionamento do mundo.
Serviuse da dúbida como método para
deixar atrás o obsoleto pensamento da filosofía patrística medieval, pois só na
dúbida metódica para descubrir a verdade: a vontade dun mesmo é a única proba
da verdade ou falsidade de calquera realidade que concibamos pola razón.
Descartes concluíu que a dúbida
contén a certeza, pois recoñece que: «mentres
quería pensar que todo era falso, era necesario que eu, quen o pensaba, fose
algo» [Discours VI: 32].
Desta
afirmación naceu unha nova idea: o eu é un concepto que nin sequera a dúbida
pode descartar, polo tanto «podo dubidar de todo, pero non podo dubidar de que
penso, e por tanto, existo». Este pensamento será o que se faga célebre baixo a
fórmula: «penso, daquela existo».
A
partir deste pensamento fundamental derívase toda a filosofía de Descartes e
dos seus seguidores, que recibiu o nome de racionalismo, pois parte da primacía
da Razón.
René
Descartes tivo unha vida intensa: tratou a outros grandes pensadores do seu
tempo, conferenciou por toda Europa e mesmo foi conselleiro da raíña de Suecia.
Xustamente as longas e profundas conversas filosóficas que coa súa maxestade
mantiña foron a causa do seu pasamento, pois acostumaban a parolar de amencida,
cos fríos nórdicos a conxelalo todo, o que fixo que contraese unha pulmonía que
acabou con el na corte de Estocolmo un 11 de febreiro do 1650.
Ningún comentario:
Publicar un comentario