Como na gran maioría dos aspectos da
Historia, a muller é unha das grandes ausentes no ámbito da guerra. En liñas
xerais, non se ten en conta o seu papel nos conflitos bélicos, e de ser así
presentase como un suxeito pasivo que non intervén na acción. Falando xa máis
concretamente da II Guerra Mundial, este papel é moito máis activo do que
poderíamos pensar a primeira vista porque vemos unha importancia das mulleres
tanto como vítimas deste conflito como de partícipes no mesmo.
Máis aló do que tradicionalmente se
estuda en relación as mulleres nos períodos de guerra, como é o caso do acceso
a novos traballos e a súa vinculación con outros tradicionalmente asignados a
elas como é o caso das enfermeiras, ó meu modo de ver a relación da muller coa
Segunda Guerra Mundial podémola establecer a través de dous campos moi
diferentes entre si pero ó mesmo tempo relacionados: o campo de concentración e
o campo de batalla.
Este primeiro campo que condiciona a
situación da muller na II Guerra Mundial é polo tanto o campo de concentración.
A vida das mulleres que sufriron o paso por un destes campos aparece moi ben
retratada no libro El humo de Birkenau, escrito
por unha muller que viviu estas experiencias na súa propia pel, Liana Millu,
presa en 1944 en Auschwitz-Birkenau, lugar onde ambienta este libro, no cal
narra como se fose unha mera espectadora a vida de seis mulleres que
exemplifican a dobremente difícil situación á que se enfrontaban as mulleres
nos campos de concentración, posto que ademais de ser sometidas por ser xudías
ou por calquera dos motivos polos que foran internadas no campo, eran vexadas e
humilladas por ser mulleres (chantaxe sexual, traballos máis duros caos dos
homes, abortos ou ocultación do embarazo, obrigación a prostituírse,…)
Pero en relación ó campo de
concentración, non só atopamos mulleres como vítimas, senón tamén como
verdugos, posto que dos 55.000 gardas dos campos 3.700 foron mulleres, como foi
o caso de Maria Mandel ou Irma Grese as cales cometeron grandes atrocidades nos
campos femininos.
Á esquerda mulleres
traballando no campo de concentración de Ravensbruk, no centro unha fotografía
de Irma Grese e á dereita a portada do libro El humo de Birkenau
O outro campo que define o papel das mulleres neste conflito é o campo
de batalla, posto que as mulleres sempre participaron na guerra, xa dende a
Antiga Grecia encontramos mulleres tomando parte nelas e o mesmo ocorre en
todos os períodos históricos, pero será na II Guerra Mundial cando esteamos
ante un rol realmente activo na batalla, tendo incluso datos que recollen dita
participación: duascentas vintecinco mil mulleres no exercito inglés, catrocentas
mil no estadounidense, cincocentas mil no alemán,… aínda que o autentico “boom”
tivo lugar na URSS, onde participaron cerca de un millón de mulleres no
Exército Vermello durante este conflito.
Á
esquerda francotiradoras do exército bielorruso e á dereita a portada do libro La guerra no tiene rostro de mujer
Pese a estes datos, as historias de
veteranos da II Guerra Mundial sempre estiveron narradas en clave masculina, xa
que as historias das mulleres neste conflito non as atopamos nin na cultura
oral nin nas obras que nos falan sobre este tema. É por todo isto, que
considero unha obra de especial relevancia, para comprender a realidade que se
vivía no campo de batalla, La guerra no
tiene rostro de mujer de Svetlana Alexievich, na cal a Premio Nobel, deixa
a un lado o seu papel como narradora para dar a palabra a aquelas mulleres que
viviron o conflito nas súas propias carnes e que en moitos casos foron
ignoradas pola sociedade unha vez rematado este. Nesta obra podemos ver por
unha parte as arrefriantes experiencias de moitas destas mulleres e por outra o
agradecemento que estas mostran de que alguén se interese pola súa historia, a
cal en moitos casos elas mesmas non a consideran como relevante pero que constitúen
un gran paso na historia da igualdade de xénero porque como se recolle no libro
en moitos casos foi no propio campo de batalla onde naceu a forma feminina de
moitos cargos como “francotiradora” “condutora de carro de combate”,… Este
agradecemento por ter alguén que escoite a súa historia recóllese na seguinte
cita do libro:
“No es necesario que
escribas sobre nosotras… Un recuerdo es más valioso… Hemos estado hablando
contigo. Hemos llorado. Tú, cuando te despidas mira atrás, date la vuelta para
vernos a nosotras y a nuestras casas. […]No hace falta nada más. Gírate para
mirarnos…”
Ningún comentario:
Publicar un comentario